Máis da metade procede de fóra de España
A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este venres a celebración do primeiro simposio do Grupo de Investigación Agroambiental e Agroalimentaria (AA1) da Universidade de Vigo. A cita nace coa vocación de celebrarse de xeito anual e co obxectivo de ofrecer un espazo no que os seus investigadores e investigadoras predoutorais e posdoutorais poidan compartir algunhas das liñas de investigación e o traballo científico que realizan.
O Grupo de Investigación Agroambiental e Agroalimentaria da Universidade de Vigo é un equipo multidisciplinar centrado en avanzar na investigación da cadea alimentaria, desde a produción primaria ata o consumo, seguindo unha perspectiva «da granxa á mesa». Ten como obxectivo mellorar a produción, calidade e seguridade de materias primas e alimentos, alienándose aos estándares internacionais. Con instalacións na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e en Citexvi no campus de Vigo, conta na actualidade con case 50 investigadoras e investigadores, está recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia e ten en marcha diferentes proxectos de investigación, entre eles cinco europeos.



Diversidade de procedencias
No simposio deuse cita boa parte dos 25 investigadores e investigadoras que actualmente desenvolven a súa tese neste grupo ao abeiro dos programas de doutoramento en Ecosistemas Terrestres, Uso Sostible e Implicacións Ambientais; en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e en Auga, Sostibilidade e Desenvolvemento. Deste grupo, Juan Carlos Mejuto, coordinador do grupo AA1, destaca a súa faciana internacional, xa que máis da metade procede de fóra de España, destacando o persoal investigador procedente de China, África do Norte e Hispanoamérica.
En total, foron 18 as investigacións presentadas, 16 oralmente polos seus responsables e dúas en formato póster, abranguendo unha ampla variedade de temáticas dentro do eido agroambiental e agroalimentario. Así, as e os investigadores expuxeron traballos que foron desde o estudo comparativo de diferentes algoritmos de aprendizaxe automática para predicir a concentración micelar crítica de varios tensioactivos iónicos ata o modelado numérico e físico de dispositivos de conversión de enerxía das ondas. Tendo en conta a súa diversidade de procedencias e liñas de traballo, a participación no simposio, indican desde a súa organización, permitiulle aos participantes coñecerse entre eles, intercambiar coñecementos e inquedanzas e adquirir experiencia na exposición oral dos seus traballos.