A Universidade de Vigo participa no proxecto europeo Astral (Anticipating Strategic Long-Term Challenges). Trátase “dunha ambiciosa iniciativa internacional de tres anos de duración, financiada polo programa Erasmus+ con 1,5 millóns de euros, que busca capacitar empresas, docentes e estudantes para facer fronte aos retos estratéxicos a longo prazo nun mundo en constante transformación”.
Astral, explican desde a súa organización, busca capacitar ás pemes, startups e profesionais do sector tecnolóxico e universitario para identificar megatendencias e traducilas en estratexias sostibles e executables, cun horizonte a dez ou vinte anos vista, “dotándoas de ferramentas para facer fronte á incerteza global”. Esta acción, sinalan, “cobra especial relevancia nun contexto dominado por ciclos de innovación cada vez máis rápidos, crises globais, urxencias climáticas e o reto común da transición verde”.
Enfoque multidisciplinar e integrador
O proxecto, que arrancou en xaneiro deste ano e rematará en decembro de 2027, reúne a nove entidades de catro países europeos (Alemaña, Dinamarca, Francia e España), entre elas tres universidades, tres asociacións empresariais que tamén actúan como provedores de formación profesional continua, e tres pemes dos sectores tecnolóxicos. “O proxecto está concibido como unha colaboración equilibrada entre o mundo educativo e o empresarial, co apoio de expertos en tendencias, innovación e planificación estratéxica”, comentan desde a súa organización.
Seguindo o “enfoque multidisciplinar e integrador” de Astral, a participación nel da Universidade de Vigo materialízase nun equipo formado por persoal docente e investigador do campus de Ourense, concretamente da Facultade de Educación e Traballo Social (Maribel Doval, Manola Raposo, Javier Blanco e Jesús Deibe Fernández Simo), da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (Fernando Veiga), da Facultade de Ciencias (Juan Carlos Mejuto, Antonio Cid Sanmamed e Maruxa Alvarez) e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Jesús Vázquez). “Esta diversidade académica permite abordar a planificación estratéxica do futuro desde múltiples perspectivas: educativa, tecnolóxica, científica, empresarial e de innovación social”, subliñan.
O grupo da Universidade de Vigo, coordinado pola profesora Maribel Doval, da Facultade de Educación e Traballo Social, lidera o paquete de traballo enfocado á creación dun currículo formativo novidoso que permita integrar a prospección estratéxica a longo prazo no ensino superior europeo. Así traballará na creación de contidos, metodoloxías e recursos formativos dirixidos a profesorado, persoal non académico e alumnado universitario, co obxectivo de introducir as habilidades de prospección estratéxica en distintos campos de estudo. Esta acción inclúe o deseño de: un currículo innovador para o ensino superior (incluíndo plan de estudos, materiais didácticos e metodoloxía de avaliación para o profesorado); un enfoque pedagóxico adaptativo e baseado en intelixencia artificial (que permita personalizar a formación do alumnado e adaptar os contidos a diferentes perfís e necesidades) e un curso en liña con materiais reutilizables e recursos educativos complementarios (plantillas, estudos de caso, exemplos…), validado con institucións educativas, empresas e axentes sociais do ámbito da innovación.
A metodoloxía que se aplicará baséase nun enfoque híbrido de ensino-aprendizaxe e circular, que combina o coñecemento académico coa experiencia práctica do sector empresarial e industrial. “Este proceso de codeseño e cocreación inclúe a participación activa de centros educativos, empresas do sector high-tech e deep-tech, investigadores en tendencias, think tanks e responsables políticos”, comenta o equipo da UVigo. O obxectivo é garantir que os materiais desenvolvidos respondan ás demandas reais do mercado laboral e da sociedade.
Laboratorios de cooperación e plataforma dixital
Alén deste currículo, Astral tamén contempla a creación de laboratorios piloto de cooperación entre universidades, centros de formación profesional, empresas e responsables políticos. Estes espazos permitirán aplicar os coñecementos adquiridos na aula a situacións reais, validando novas ideas de negocio, incubando proxectos e xerando estratexias conxuntas baseadas na prospección estratéxica a longo prazo. Ademais, todos os resultados do proxecto integraranse nunha plataforma dixital de aprendizaxe e cooperación, que ofrecerá experiencias formativas adaptadas a distintos perfís e fomentará redes de colaboración entre os distintos axentes do ecosistema europeo da innovación.
O proxecto pretende así, indican as entidades promotoras, “dar resposta a unha necesidade crítica para as pemes europeas, que a miúdo carecen de metodoloxías aplicables e adaptadas para transformar as megatendencias globais en accións estratéxicas concretas”. Neste sentido, comentan, “o enfoque desenvolvido pola Universidade de Vigo será clave para que o persoal docente e o estudantado universitario non só comprendan, senón que tamén dominen o uso da prospección estratéxica como ferramenta para anticiparse, innovar e liderar o cambio”.